ACCEDER

PARA ACCEDER A DATOS GENEALÓGICOS Y DEMÁS INFORMACION, ES NECESARIO REGISTRARSE

A MOROZA (Sta. María de Paradela)  -  Por Purificaión Rodriguez González

O pazo da Moroza está situado no lugar da Moroza, na parroquia de Santa María de Paradela (Meis-Pontevedra). O edificio construído no século XVI, é, totalmente reformado no S. XVIII consta dunha torre ameada de tres pisos unida a unha á en forma de “L” de baixo e piso. Atravesando o pórtico de entrada podemos ver os detalles das gárgolas pétreas, que sobresaen da parte alta dos esquinais da fachada.
A torre posúe acceso mediante portalón que remata nos seus laterais por sendas seteiras. Na fachada posterior existen diversos engadidos.

A capela, o pombal e o hórreo completan o conxunto arquitectónico.

Situado no muro da ameada torre, a unha altura media da segunda planta unha labra heráldica amosa as armas da esclarecida liñaxe dos Salgado. Labrado nunha cartela, adornado con lambrequíns e timbrado de helmo empenechado cun só cuartel que representa as armas dos Salgado: en campo de sinople, unha torre ameada de prata, á que circunda a lenda: SAL GA POR DO SALIERE; bordura cunha cadea pechada cun candado na punta.

O xerme da Casa da Moroza penso que está no matrimonio formado por Martín de Señoráns e Catalina Camiña, filla de Alonso Camiña e Inés Martiz/ Martínez.

Martín de Señoráns e Catalina Camiño mercan e/ou aforan entre 1599 e 1610 moitas propiedades tal e como reflicten os protocolos notariais que pasaron ante Alonso Mosquera e que asina Martín de Señoráns da súa propia man –dato a ter en conta xa que poucos saben firmar nesa época, o que indica certo nivel-. Entre as propiedades, destaca o foro que merca a Gregorio de Outeda no ano 1609 “que o seu pai traía en foro do Cabido da Santa Igrexa de Santiago, unha parte do lugar de Lantanoo”.

No ano 1605 faise o reconto de bens de Ines Martiz para a a facer as partillas, por el sabemos que as propiedades de Inés eran importantes e estaban situadas no lugar de Mozorín en S. Xoán de Baión. Sabemos tamén que deixa certas misas de fundación en base a un vínculo no lugar da Moroza.

Tiveron por fillos (documentados) a Alonso Martínez Señoráns e Ana Martínez de Señoráns.

Martín e Catalina foron sepultados na capela de S. Ildefonso incluída na igrexa parroquial de Sta. María de Paradela.

Tendo en conta que a capela de S. Ildefonso pertence ó vínculo do pazo de Señoráns de Abaixo, co seu dereito de enterramento como patróns que son dela, é de supoñer que existiu un parentesco moi próximo entre as dúas Casas.

Baseándome nos seguintes documentos poderiamos pensar que Martin de Señoráns é irmán de Alonso Martínez Señoráns fundador do vínculo de Señoráns de Abaixo, fillo de Ana de Señoráns e Juan de Señoráns e neto doutro Martino de Señoráns e Tareixa de Silgadas?, hipótese non totalmente documentada pero moi posible. Vexamos:

  • Nun testamento ante Alonso Mosquera feito por Xoana de Señoráns a 1 de abril de 1601, Xoana dise filla de Martino de Señoráns e Tareixa de Silgadas, veciños que foron de Sta. Mª de Paradela, irmá de Bieito Martínez crego de Sta. Mª de Caleiro, con quen reside á hora de testar, á quen deixa como herdeiro dos seus bens. Aparece nomeado no testamento Martino de Señorans de Lantanoo a quen nun primeiro momento doara os seus bens pero que agora revoca.
  • Noutro protocolo do mesmo escribán datado a 5 de agosto de 1603 noméase a Martino de Señoráns, veciño da freguesía de Sta. Mª de Paradela e morador na aldea de Señoráns, herdeiro que quedou do seu tío Bieito Martínez, crego e vicario que foi de Nosa Sra. de Caleiro.
  • O 29 de marzo de 1608 ante o escribán Juan de Torres Montaos, fai o seu testamento Ana de Señoráns, por el sabemos que está casada con Pedro de Santiago, mareante, veciño do porto de Vilamaior e, foi primeiro muller de Juan de Señoráns. Manda ser enterrada na igrexa de Sta. María de Paradela, onde o foi o seu primeiro marido. Entre outros nomea “ao meu fillo Alonso Martínez Señoráns, rector da vila de Cambados”. Aclara que “venderon a Martino de Señoráns de Lantanoo seu fillo os bens que lle quedaron en Lantanoo” Deixa como herdeiros dos outros bens aos seus fillos: Alonso, Martino, Catalina Martínez Señoráns, Juan Martínez Señoráns, Bieito Martínez, Teresa Martínez, Juan Vidal, todos fillos de Juan de Señoráns.

Seguindo coa descendencia de Martino de Señoráns e Catalina Camiña:

Ana Martínez de Señoráns casou con Juan García e tivo por fillos a:

  • Antonio García.
  • Lucas García ao que mellora e deixa a súa casa no lugar de Lantañón (Lantanoo).
  • María García casada con Salvador de Pesqueira.
  • Martín García que se ausentará ó reino de Castela.

Testou ante Antonio Martínez Señoráns escribán de número no ano 1670 tendo por testemuñas entre outros a Juan Martínez de Señoráns o Vello, Juan Martínez de Señoráns o Mozo e Xerónimo Mouriño Señoráns todos veciños do lugar de Lantañón. No seu testamento manda entre outras cousas ser “sepultada na capela de S. Ildefonso na sepultura onde foron sepultados Martín de Señoráns e Catalina Camino os seus pais e Alonso de Señoráns o seu irmán”

 

Alonso Martínez Señoráns casou con Ana Boceta de Figueroa filla de Mª González e Fernando Boceta Saborido da Casa da Toma de S. Pedro de Lantaño (Portas), neta por liña materna de Alonso García, escribán da súa maxestade, e María González Boceta Figueroa, bisneta por liña materna de Álvaro Boceta de Figueroa crego rector de S. Pedro de Lantaño, fundador da fermosa capela da Toma na igrexa parroquial.

Casara Ana Boceta de primeiro casamento con Gregorio Boceta de Perrín da Casa de Perrin en Lantaño tendo por fillo a D. Juan Boceta de Cea (fº 1717) escribán da súa maxestade, que segue a liña da Casa Perrín.

Tiveron por fillos, entre outros, Alonso e Ana a Antonio Martínez Señoráns que segue a liña da Casa e outra filla da que descoñecemos o nome casada con Francisco Mouriño Señoráns irmán de D. Antonio Señoráns rector de Sta. María de Paradela. Faleceu Alonso Martínez antes de 1670 sobrevivindo a súa dona máis de vinte anos. Faleceu Ana Boceta no ano de 1690.

 

Antonio Martínez Señoráns Figueroa, chamado ás veces Antonio Martínez da Moroza casou con María Rodríguez. Tivo por fillos a:

  • Antonio Martínez Señoráns Figueroa
  • Dª María de Señoráns que casa con Gregorio Cunqueiro Rodríguez

Fixo testamento Antonio Martínez no ano 1698 deixando como cumpridor testamentario ó seu irmán por parte de nai D. Juan Boceta de Cea.

 

  1. Antonio Martínez Señoráns Figueroa casou con Dª Mariana de Faxardo e Avalle, filla de D. Francisco de Avalle e Dª Catalina de Silva e Faxardo, veciños de Santo Andrés de Xeve e irmá de Dª Marcela de Avalle, muller do seu tío D. Juan Boceta de Cea. Tiveron por fillos Dª Mariana e D. Antonio a:
  • Lorenzo Martínez Señoráns e Avalle. (aprox. n. 1.716-1762) crego de menores ordes, nomeado por D. Juan Boceta de Cea 1º sucesor no vínculo de Casa Perrín.
  • Francisco Martínez Señoráns e Avalle (aprox. 1.722-1.769), presbítero, sucedeu ó seu irmán no vínculo de Perrín.
  • Bernardo Martínez Señorans e Avalle (fº 1741) quen consta nun protocolo ante Antonio de Porto Mariño a 15 de agosto de 1734 no que D. Lorenzo Martínez Señorans e Avalle “por lo que le toca y a D. Francisco, D. Bernardo y Dª María Martínez Señoráns y Avalle, todos cuatro hijos legítimos y herederos que quedaron de D. Antonio Martínez Señoráns y Dª Mariana de Avalle y Faxardo sus padres ahora difuntos y vecinos el otorgante y más hermanos de la de S. Pedro de Lantaño…”.
  • Dª María Martínez Señorans e Avalle, sucesora no vínculo de Perrín e na Moroza á morte do seu irmán D. Francisco.

Residiron D. Antonio Martínez e a súa dona Dª Mariana de Avalle na súa casa da Moroza onde redactou D. Antonio un testamento no ano 1718, aínda que a data do seu pasamento foi posterior, xa que, por un protocolo ante Jacinto Varela de Andrade en 16 de maio de 1724 aparece como administrador do seu fillo D. Lorenzo no preito que mantén coa viúva do seu tío Dª Marcela de Avalle.

 

Dª María Martínez Señoráns e Avalle , a pesar que nun primeiro momento residiu en Lantaño, pasou a residir na Moroza, e, como tal aparece no Catastro da Ensenada “veciña do lugar da Moroza onde posúe unha casa dun alto cunhas dimensións de 15x8 varas”.

Casou Dª María na igrexa parroquial de Sta. Mª de Paradela o 15 de agosto de 1754 con D. Santiago Rodríguez, natural de S. Bieito de Rabiño, xurisdición de Refoxos, actualmente concello de Cortegada (Ourense), fillo de D. Joseph Rodríguez e Dª Josepha Hestevez veciños de S. Bieito de Arnoia.

Sucedeu ó seu irmán D. Francisco no vínculo de Perrín no ano 1769 fixando a súa residencia en S. Pedro de Lantaño. Tivo este matrimonio por fillos a:

  • Dona Josefa Señoráns Figueroa e Avalle que segue a liña da Moroza.
  • Lorenzo Antonio que segue a liña da Casa de Perrín.
  • Dª Mª Vicenta Rodríguez Señoráns casada en S. Pedro de Lantaño o 14 de xaneiro do ano 1.787 con D. Xerónimo Díaz Valdivieso fillo de D. Alexandro Díaz Valdivieso e Dª Theresa Díaz Durán veciños de S. Marcos de Corcubión. Residirán no lugar da Moroza e en Vilagarcía tendo por fillos a: 1.- Dª Theresa de Jesús bautizada en Lantaño o mesmo ano do casamento; 2.-D.Joseph tenente do rexemento provincial de Pontevedra quen casa con Dª Mª del Rosario Taboada Pimentel Ribeiro e Pillado, filla de D Antonio Taboada Pimentel Ribadeneira? e León e Dª Michaela Ribeiro Pillado Arias e Castro, veciños de S. Pedro de Villantime Xurisdicción de Melide. Na escritura de dote Dª Michaela cede á súa filla o vínculo e morgado fundado por D. Andrés Antonio Pillado e Falcón cura párroco que foi de Sta. Cruz de Castrelos[1]; e a 3.-Dª Rita Díaz Valdivieso. Testou Dª Rita no ano 1879; no seu testamento declara ter dous fillos naturais: Perfecta casada con Ramón Pérez Oubiña (emigrado a Arxentina) e Joaquín Díaz Valdivieso emigrado igualmente a Bos Aires.

Faleceu D. Santiago no ano 1.803; fixera testamento o 30 de novembro de 1.802 ante Pedro da Torre deixando como herdeiro do vínculo de Perrín ao seu fillo D. Lorenzo. Fai doazón de certos bens ás súas netas: A Dª Mª unha veiga en Sta Mª de Paradela chamada A Pereira e a Dª Francisca Salgado a súa irmá as herdades que posúe en Vilanoviña e Cachal na mesma freguesía; A Dª Theresa Valdivieso mancomunadamente coa súa irmá Rosa déixalle“a metade do lugar da Moroza que está xunto á casa en que habitan os seus pais” deixando constancia que a outra metada pertence á súa dona “la hemos adquirido durante matrimonio”; e, polo tanto, a deixa á súa disposición; a Dª Vicenta Rodríguez a herdade de Pumar. Tamén se lembra da súa sobriña Dª Manuela Gómez, quen vive na súa compaña, a quen deixa certos bens en S. Bieito de Rabiño incluída a casa.

A súa dona Dª María faleceu catro anos máis tarde, no ano 1.807.

Dona Josefa Rodríguez Señoráns Figueroa e Avalle casa en S. Pedro de Lantaño o día 16 de xaneiro de 1773 co licenciado D. Joseph Salgado fillo de D. Manuel Antonio Salgado e Dª Bernarda Fernández de Ulloa veciños de S. Pedro de Leirado e naturais de S. Pedro de Poulo (Gomesende); neto por liña paterna de D. Lorenzo Salgado e Dª Agustina Feixo Soutomaior veciños do Coto de Feardos (Sta. Mª do Pao- Gomesende); bisneto do licenciado D. Josef Salgado, abogado da Real Audiencia, descendente da Casa de S. Juan de Crespo (Padrenda) propia dos Salgado e Dª Isabel Sánchez de Moscoso descendente dun virrei de Nápoles natural de Sta. María de Sela[2]. Instalaranse no lugar da Moroza, e, penso que son eles quen reedifican o pazo colocando nel as armas dos Salgado (o brasón que aparece na Moroza corresponde a unha representación das armas dos Salgado similar a un dos brasóns que ornan a capela da Casa da Pedra, sita en S. Pedro de Leirado).

Foi D. Joseph Salgado avogado dos Reais Consellos. Teñen por fillos D. Joseph e Dª Josepha a:

  • Benito Salgado e Aballe quen casou con Dª Paula Maquieira sendo veciños de S. Vicente de Oubiña. Tiveron por fillos a Juan, Francisca e Joaquín Salgado Maquieira. Tivo por fillos Juan a Ramón, Joaquín e Manuel; Francisca casou con D. Juan Francisco Pastoriza; Joaquín tivo por fillos a José, Ramona, Maximina e Benita. Testaron conxuntamente D. Benito e Dª Paula o 14 de novembro de 1838.
  • José Antonio Salgado, quen casa con Dª Teresa Cubillo filla de D. Bernabé Cubillo sendo veciños de Vilagarcía. Terán por fillos a Dª Rosa, Dª Dolores, Dª Mª Theresa de Xesús casada con D. Joaquín Caamaño, o licenciado D. Manuel casado con Dª Manuela Salgado López tendo estes por fillos a Dª Rosa e Dª Elvira, esta casada con D. Cándido Rasilla.
  • Silvestre Salgado, casou con Dª Carmen Membiela Fraga; serán veciños de Vilagarcía tendo por filla entre outros a Dª Juanita. Como interventor de rendas reais da vila de Viveiro residirá nesa vila uns anos
  • Dª Francisca casada con D. Juan Senlle veciños de Paradela. Era D. Juan posuidor do vínculo e maiorazgo fundado na Moroza por D. Jorge Antonio de Sousa presbítero.Foi o seu pai D. Joseph de Senlle e Sousa, fillo de D. Fernando de Senlle e Sousa, irmán de D. Jorge. Morre sen descendencia lexítima. Testou o día 7 de xuño de 1856; nel lega ás súas sobriñas Dª Carmen e Dª Josefa Betanzos, Dª Dolores e Dª Manuela a parte de Casa e horta que lle pertencen e correspondeu do morgado do seu home, igualmente lega a Dª Carmen Dª Josefa, Dª Dolores e Dª Manuela Betanzos a tomada que está a carón do muro da granxa; lega ó seu irmán D. Jose Salgado certos bens en usufruto para que á súa morte pasen ás súas fillas Dª Teresa e Dª Dolores, nas mesmas condicións lega a favor do seu irmán D. Silvestre e logo á súa filla Dª Juanita; lega igualmente outra parte á súa irmá Dª Joaquina para que á súa morte pasen ás súas fillas Dª Carmela, Dª Jesusa e Dª Dolores. Así mesmo aproba a doazón feita ó seu sobriño político D. Juan Salgado de varios agros.
  • Dª María Salgado Señoráns e Avalle casada con D. Ramón Betanzos sendo veciños da Moroza.
  • Eugenio Salgado. Licenciado, veciño de S. Pedro de Cornazo, máis tarde de Sta. María de Godos e por último de Vilagarcía.
  • Dª Joaquina Salgado Señoráns quen casa con D. José Mª González Rubio pasando a ser veciña de Fefiñáns. Terán por fillos a Dª Carmen casada con D. José Lastra; Dª Jesusa; Dª Dolores; D. José casado con Dª Dolores Salgado veciños de Vilagarcía; e D. Silvestre Rubio Salgado que embarcou cara a Bós Aires no ano 1858 para exercer como comerciante.
  • Joaquín Salgado.

Testou D Joseph Salgado o 7 de xaneiro de 1818 ante o escribán Pardo de Andrade. Nel mellora a Dª María, D. Eugenio e Dª Joaquina co tercio e remanente do quinto de todos os seus bens.

Dª María Salgado Señoráns e Avalle. Casou co licenciado D. Ramón Betanzos e Márquez escribán de número da xurisdicción de Vilanova de Arousa. Tiveron por fillos Dª María e D. Ramón a:

  • Dª Josefa Betanzos Salgado casada con D. Tomás Rodríguez García, tenente graduado, subtenente do batallón de Ourense. D. Tomás era natural da vila de Viana do Bolo (Ourense), fillo de D. José Rodríguez Iáñez e Dª Manuela García Labora. A escritura de dote foi feita o 12 de agosto de 1848; nela D. Ramón sinala como dote á súa filla “a casa do lugar da Moroza coas súas oficinas, curral, cabelerizas, cuarto alto unido a elas, pombal e lagar ademais a granxa que circunda dita casa a labrado,e viñedo cerrada e amurallada sobre si (...)sembradura 51 ferrados, taxado na cantidade de 60.080 reais.” O 24 de marzo de 1849 dá D. Tomás un poder a favor de D. Ramón Betanzos para contraer matrimonio en nome del con Dª Josefa “xa que el ten que ausentarse co exército da súa maxestade no principiado e reino de Cataluña.” Tomás compra a D. Juan e Dª Josefa Senlle e Martínez veciños o primeiro do Puerto de Sta. María e Dª Josefa da cidade de Cádiz no ano 1852 a metade da granxa nomeada da Moroza que eles posuían, ampliando así a súa.

Por un protocolo de 31 de xaneiro de 1857 sabemos que Dª Josefa era xa viúva sen descendencia.

  • Dª Carmen Betanzos Salgado casada con D. Segundo Vila Torres. Fai testamento Dª Carmen o 4 de agosto de 1892; sen descendencia entre outras mandas lega ás súas sobriñas “Dª Encarnación e Dª Manuela Salgado a metade do que lle pertence da casa coñecida co nome de Casa de Arriba coas súas dependencias, horta e finca que esta cerrada sobre si e situada no lugar da Moroza; declara que a outra metade pertence á súa irmá Dª Josefa; lega en usufruto vitalicio ó D. Segundo Vila en primeiro lugar e despois de el ó D. Ramón Salgado seu sobriño e en propiedade a D. Juan Salgado Pérez fillo do D. Ramón a cuarta parte da casa nomeada Casa de Abaixo herdanza dos seus pais na Moroza, coa súa parte de dependencias, granxa...”
  1. Segundo Vila casa en segundas nupcias coa súa sobriña política Dª Carmen Salgado Betanzos.
  • Dª Manuela Betanzos Salgado, solteira.
  • Dª Dolores Betanzos Salgado.

Dª María Salgado testou na súa casa da Moroza a 1 de outubro de 1850. Nel institúe ás súas catro fillas herdeiras a iguais partes.

Morreu D. Ramón a avanzada idade de 86 anos segundo declara no seu testamento feito ante o notario D. Pedro Sánchez López o día 22 de febreiro de 1882, deixando como albaceas testamentarios ao seu xenro D. Segundo Vila e ao seu neto D. Ramón Salgado. Faleceu D. Ramón ese mesmo día.

 

Dª Dolores Betanzos Salgado, nacida cara ó 1828, casou con D. Juan Salgado, do que descoñezo a súa filiación, licenciado en medicina. No ano 1862 xa é viúva. Tiveron por fillos a:

  • Dª Carmen Salgado Betanzos casada con D. Segundo Vila Torres (fº xaneiro de 1914), sen descendencia.
  • Dª Anunciación Salgado Betanzos
  • Dª Encarnación Salgado Betanzos (o seu pasamento na súa casa da Moroza) pódese ler na prensa “La Correspondencia Gallega: Diario de Pontevedra 27/9/1913) sen descendencia.
  • Dª Manuela Salgado Betanzos, falecida no mes de setembro de 1921 sen descendencia.
  • Ramón Salgado Betanzos

 

  1. Ramón Salgado Betanzos naceu aproximadamente no ano 1857. Exerceu como avogado na vila de Cambados lugar no que residía, onde foi xuíz municipal. Foi administrador dos bens das súas tías Dª Josefa, Dª Carmen e Dª Manuela e, o seu herdeiro maioritario.

Casou con Dª Isabel Pérez de la Fuente, tendo por fillos a:

  • Juan Salgado Pérez de la Fuente casou con Dª Marina Fariña Gómez filla de D. Luciano Fariña Varela e Dª Inocencia Gómez Bares da Casa de Fariña no lugar da Pedreira en S. Adrián de Vilariño. Na segunda década do século XX adquiriu a Casa de Faxardo en Cambados, coñecida hoxe como Casa dos Salgado.[3]

Foi D. Juan afamado avogado en Cambados e Pontevedra, distinguido coa Cruz de 1ª Clase de San Raimundo de Peñafort. Alcaide entre 1924 e 1929 e tamén durante a II República co goberno de Lerroux.[4]

  • Dª Ramona Salgado Pérez, falecida solteira na súa casa de Paradela o 8 de agosto de 1966.
  • Tomás Salgado Pérez de la Fuente, doutor en dereito, casou en Santiago con Marina Vaamonde Fernández filla do afamado médico D. Joaquín Vaamonde no mes de decembro de 1925 segundo consta na prensa da época. A súa filla Dª Carmen Salgado Vaamonde casou na capela do pazo da Moroza en setembro de 1960 con D. Fernando Caballero Caballero.
  • Ramón Salgado Pérez casou en Vigo no ano 1927 con Dª Nieves González Fresco, filla de D. Antonio González P. Romero. Exerceu como avogado en Pontevedra e nomeado governador de Santa Cruz de Tenerife en decembro de 1935, encargándose do seu bufete de Pontevedra o seu irmán Juan. A súa filla Dª María de las Nieves Salgado González casou na capela do pazo con D. Jaime Martín Allegue en xuño do ano 1960.

Faleceu Dª Isabel en Cambados o 3 de xuño de 1923, sendo trasladados os seus restos ao panteón familiar de Sta. María de Paradela.

 

 

FONTES:

Arquivo parroquial de Sta. María de Paradela. Fondos parroquiais

Arquivo parroquial de S. Pedro de Lantaño. Fondos parroquiais

Arquivo Histórico de Pontevedra. Protocolos notariais

Galiciana. Hemeroteca

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

[1] 10 de novembro de 1826. Ramón Betanzos escribán. “…D. Antonio Taboada Pimentel Ribadeneira y León, procurador de causas de las Audiencias Arzobispales de la ciudad de Santiagoy su mujer Dª Michaela Ribeiro Pillado y Castro residentes en S. Pedro de Villantime jurisdicción de Mellid (…)dijeron la Dª Michaela que es dueña y legítima sucesora en el vínculo fundado por D. Andrés Antonio Pillado y Falcón, cura párroco que ha sido de la parroquial iglesia de Sta. Cruz de Castrelo por su testamento que otorgó en diecisiete de junio de 1712, el cual han poseído antes de ahora sus antecesores como lo han sido su hermano D. José Ribeiro y Castro ayudante mayor del regimiento de Ibernia, su padre D. Agustín, su abuelo D. Juan y más causantes (…) cede a la repetida su hija Dª Mª del Rosario por tenor de la presente (…) cualesquiera bienes acciones y derechos anexos y pertenecientes al recordado vínculo del que queda hecho mención (…).

[2] En 1789 fai valer a súa fidalguía para evitar o pago de impostos.

 

[3] Cambados y el valle del Salnés. José A. Vázquez Casáis

[4] Diccionario biográfico de la comarca del Salnés. Xosé Lois Vila Fariña. Víctor Viana Martínez