ACCEDER

PARA ACCEDER A DATOS GENEALÓGICOS Y DEMÁS INFORMACION, ES NECESARIO REGISTRARSE

PEQUENA APROXIMACIÓN ÁS FAMILIAS QUE HABITARON O PAZO DE CASAL DO RÍO -  Por Purificación Rodriguez González

No lugar de Vilanoviña, parroquia de Sta. María de Paradela (Meis-Pontevedra), érguese unha fermosa construción pacega, que, engadida a unha torre, péchase sobre si dando lugar a un pequeno patio interior. Posúe unha capela dedicada á Virxe da Valbanera.

Rastrexando nos protocolos notariais e nos libros parroquiais atopamos como primeiras referencias familiares a:

 

  1. FRANCISCO SAN MARTÍN E SOTO, avogado, veciño da vila de Santiago e rexedor dela no ano 1689 quen tivo por fillos a:
  • D. Juan Manuel San Martín, reitor de S. Isidro de Postomarcos.
  • D. Jacobo San Martín e Soto.

 

  1. JACOBO SAN MARTÍN E SOTO, avogado, veciño de Santiago. Casou con Dª Juana Mª Sarmiento Figueroa Bermúdez de Castro, filla de D. Benito Sarmiento Valladares Figueroa , señor da Casa de Fontán en Baión e Dª Francisca Bermúdez de Castro, neta por liña materna de D. Carlos Bermúdez de Castro señor da Casa e xurisdición da Penela, e, por liña paterna de D. Antonio Valladares Sarmiento Figueroa e Dª Mariana Becerra de Caamaño Valladares.

Foi Dª Juana patroa do beneficio curado de S. Pedro de Buxantes.

Establécese o matrimonio en Casal do Río, constando como veciños do lugar no ano 1734.

Tiveron por fillos a:

  • Juan Francisco San Martín Bermúdez e Sarmiento que segue a liña.
  • Dª Mª Jacoba San Martín Sarmiento e Figueroa.
  • Ramiro San Martín Sarmiento e Figueroa, quen casou na parroquial de Sta. María de Paradela o 23 de decembro de 1750 con Dª Manuela Saenz Bazán Barba de Figueroa da Casa de Pompeán. Viviron no lugar de Padreiro, tal e como reflicte o Catastro da Ensenada, onde consta D. Ramiro como posuidor dunha casa de 12x7 varas e unha finca cercada de 24 ferrados. Foron sepultados ambos cónxuges na igrexa parroquial, Dª Manuela o 15 de decembro de 1781 e o seu home o 12 de decembro de 1783

Fixo testamento D, Jacobo a 2 de decembro de 1753 ante Martínez Barallobre sno   . Nel manda ser sepultado diante da porta principal da igrexa parroquial de Sta. Mª de Paradela “no adro dela por onde transite todo o pobo”. Mellorou co terzo e remanente de quinto de todos os seus bens libres á súa filla Mª Jacoba, solteira, e, a D. Juan Francisco sucesor no maiorazgo que posúe.

Faleceu o 29 de xuño de 1756, sendo sepultado na Capela Mayor da igrexa parroquial de Sta. Mª de Paradela nunha sepultura de 33 reais (as máis caras), non cumpríndose o solicitado por el no seu testamento.

A súa dona, Dª Juana Sarmiento falecera no ano 1752.

 

  1. JUAN FRANCISCO SAN MARTÍN BERMÚDEZ E SARMIENTO, casou na “Casa e torre de Casal do Río” no ano 1752 con Dª Josepha Antonia Romero Hernaez, filla de D. Alonso Romero e Dª Rosa Hernaez. Posiblemente pais de Francisco Xavier que segue a liña

 

 D. FRANCISCO XAVIER SAN MARTÍN,  quen casou con Dª Antonia Rioboo e Losada, natural da vila de Pontevedra. Foi D. Francisco señor do coto de Bugallido, os seus vínculos e morgados.

Tiveron por fillos D. Francisco e Dª Antonia a:

  • Dª Concepción San Martín Rioboo, falecida solteira.
  • Dª Jacoba San Martín fª solteira.
  • Excelentísimo Sr. D. Francisco Xavier San Martín Rioboo
  • D. Andrés María San Martín, falecido sen descendencia, antes que a súa nai.
  • D. Antonio Xavier San Martín, residente primeiro en París e falecido sen descendencia en Cárdenas (Cuba).
  • Dª Mª do Socorro San Martín Rioboo

Fixo testamento Dª Antonia o 11 de novembro de 1846 ante D. Ramón Betanzos. Consta nesa data como viuva, e, entre outras mandas consta a de ser sepultada no cemiterio parroquial de Sta. María. Faleceu o 25 de novembro de 1851, e foi sepultada dentro da igrexa parroquial.

 

Feitas as partillas entre os herdeiros no ano 1886, correspóndenlle as terras de Salnés, Padrón e Ulla aos fillos de D. Francisco Xavier e as de Santiago e Bugallido aos fillos de Dª María Socorro.

 

EXCELENTÍSIMO SEÑOR D. FRANCISCO XAVIER SAN MARTÍN RIOBOO, mariscal de campo. Residiu na Coruña entre outras cidades; consta por un protocolo que en 1842 reside en Madrid; no devandito protocolo deixa usufrutuaria dos seus bens “neste partido de Salnés, Padrón, Ulla, Santiago, Xallas e Bugallido” á súa nai Dª Antonia.

Casou con Dª Antonia Lozano e Reinoso na cidade da Coruña tendo por fillos a:

  • Dª Mª Concepción San Martín e Lozano.
  • Jacobo San Martín e Lozano, quen ao igual que o seu pai seguiu a carreira militar. Considerado polos seus contemporáneos como un gran poeta e literato, as súas composicións eran editadas na prensa da época. Casou con Dª Elisa Carreño con quen tivo por fillos a D. Francisco e D. José.

Como militar chegou a ser xeneral de brigada. Faleceu en Vigo o 27 de novembro de 1922 aos 68 anos e foi sepultado no panteón da familia en Sta. María de Paradela según consta nas esquelas publicadas na prensa.

  • Dª Dolores San Martín.
  • Dª Luisa San Martín e Lozano, casada en Ferrol co seu curmán D. Constantino Rodríguez San Martín.

 

Dª MARÍA SOCORRO SAN MARTÍN RIOBOO, casada en Vigo con D. Francisco Rodríguez Arias, capitán de infantería. Tiveron por fillos a:

  • Constantino Rodríguez San Martín, capitán de navío da Armada. O Correo Gallego publicaba o 27 de setembro de 1885 unha nova: “El Gobierno de los Estados Unidos ha regalado un magnífico reloj de oro al Comandante de marina de este puerto D. Constantino Rodríguez San Martín en recompensa del servicio prestado a los tripulantes de un buque náufrago de aquella nación, salvándolos y recogiéndolos a bordo del vapor Sánchez Barcaiztegui que en aquella época mandaba dicho marino. El reloj fue remitido a nuestro Ministro de Marina, quien lo ha participado al interesado para su recibo.” O 28 de abril de 1889 a prensa da época reflectía o seu pasamento, salientando o seu paso como comandante do cruceiro Alfonso XII.

Casou coa súa curmá Dª Luisa. Serán pais entre outros de Dª María del Carmen (fª solteira o 29 de abril de 1906), Dª Dolores e D Jacobo Rodríguez San Martín (fº o 5 de marzo de 1932), quen casou o 10 de agosto de 1903 con Dª Isolina Ponte Sotillo.

  • César Rodríguez San Martín, capitán de navío, pai ao menos de D. Leopoldo (fº en Utrera no ano 1943), D. Manuel e D. César Rodríguez Bárcena (fº en Alicante-1925).
  • Dª Concepción Rodríguez San Martín.
  • Dª Marcelina Rodríguez San Martín casada con D. Santiago Durán y Lira, natural da parroquia de S. Simón de Lira, quen chegou a ser ministro de Marina e contraalmirante da Armada.

Foron pais de D. Juan (tenente de navío), D. Ramón (tenente de navío), e Dª Filomena Durán Rodríguez.

De D. Santiago pódese ler no Eco de Santiago o 21 de novembro de 1881: “Muere en Manila don Santiago Durán y Lira, comandante general del apostadero de Filipinas. Había nacido en Vigo en 1824. En 1875 foi nomeado ministro de Marina, de cuyo cargo presentó la dimisión en 1876 por negarse a suscribir la base oncena relativa a la simple tolerancia religiosa; pero en diciembre de 1877 volvió a encargarse de la misma cartera, que desempeñó hasta el 8 de Febrero. También desempeñó otros cargos, como los de ministro del Consejo supremo de la Armada, comandante general de la escuadra de instrucción y Consejero de Estado. Estaba condecorado con varias y grandes cruces.”

No Correo gallego o 21 de febreiro de 1883 aparece a nova do falecemento da súa dona Dª Marcelina.

 

 

FONTES: Revisión de protocolos notariais existentes no Arquivo Histórico de Pontevedra.

Catastro da Ensenada.

Arquivo parroquial de Sta. Mª de Paradela.

Prensa