CASA DE POMPEÁN - POR PURIFICACIÓN RODRIGUEZ GONZÁLEZ
UNIÓN DAS CASAS DE BUGARÍN, BAZÁN E BARBA DE FIGUEROA (POMPEÁN)
(Por Purificación Rodriguez González)
D. LOPE GONZÁLEZ (fillo da Casa de Camba e Aguiar) tivo por fillo a:
D. Alvaro Rodríguez de Camba
D. Juan de Camba que segue a liña
D. JUAN DE CAMBA foi antecesor de [1]:
RODRIGO LOPEZ, casado con Teresa Vazquez, filla de Pedro Vazquez López[2]. Tiveron por fillos entre outros a:
Pedro Vazquez Lopez
D. PEDRO VÁZQUEZ LÓPEZ DE CAMBA E AGUIAR, veciño e escribán de número da vila de Pontevedra, onde exerceu dende o ano 1569 ata o ano 1603. Dise del que “está en posesión de fidalgo descendente da Casa de Camba”[3]. Casou con Dª Toribia de Bugarín a Vella, filla de Toribio de Villarino ou Bugarín e Teresa Marran?. No ano 1575 foi nomeado familiar do Santo Oficio da Inquisición. Tiveron por fillos a:
D. Pedro Vázquez de Aguiar e Camba. Crego, rector do beneficio da freguesía de Viascón. Nomeado familiar do Santo Oficio no ano 1607 foi racioneiro de Santiago. Foi sepultado no claustro da catedral compostelá onde está a súa sepultura coas súas Armas e inscripción.[4]
Dª Teresa Vázquez de Camba e Bugarín, casada en Pontevedra con Rodrigo de Bugarín Taboada, familiar do Santo Oficio e escribán de número da vila, (fillo de Mateo Sánchez Taboada, e Catalina Moure de Bugarin, neto por parte paterna de Sancho de Lourido Taboada e Deza, fillo segundo da Casa de Taboada e Ines ou Catalina Alvarez de Camba, por parte materna de Gregorio Perez de Bugarin o Vello e de Maria de Fuentefria)[5]. Tiveron por fillas a Dª Catalina de Bugarín e Taboada quen casou con D. Antonio de Aldao e Taboada, fillo de D. Lope Núñez de Aldao e Dª Mariana de Barbeito e Padrón, señores da Casa de O Casal en Bueu; Dª Catalina e D. Antonio serán os fundadores da Casa do Placer en Sta. María de Cela. A outra filla, Dª Toribia de Bugarín casou co capitán Estevo Rodríguez de Aldao, señor do Casal, irmán de D. Antonio tendo por fillos segundo consta no seu testamento ante Bernardo de Bugarín sno no ano 1638 a Rodrigo de Bugarín, Lopo Núñez de Aldao e Antonio Vázquez Bugarín
D. José Vázquez de Camba casado con Dª N. de Saavedra natural de Pontevedra.[6]
D. Juan Vázquez de Camba e Aguiar. Embarcou a Santo Domingo como criado do licenciado Juan Martínez Tenorio, segundo consta na relación de pasaxeiros[7], e estará “ausente durante moitos anos no reino de Castela”; según protocolo pasado ante Rodrigo de Bugarín no ano 1625.
D. Andrés Vázquez de Camba e Bugarín que segue a liña.
D. ANDRÉS VÁZQUEZ DE CAMBA E BUGARÍN. Nomeado familiar do Sto. Oficio no ano 1610, veciño da vila de Pontevedra onde exerceu como mercader de panos e outras mercadorías. Casou coa súa curmá Dª Inés González de Bugarín, filla de Gaspar González e Catalina? López? Rodríguez e tiveron por fillos a:
D. Antonio Vázquez de Camba, crego, rector de S. Miguel de Marcón.
D. Pedro López de Camba, crego e tamén rector de S. Miguel de Marcón, falecido no ano 1655. Consta nun protocolo do escribán Bernardo de Bugarín con data 17 de abril de 1652 a escritura de obra entre D. Pedro rector de S. Miguel de Marcón e os mestres carpinteiros e entalladores para facer o retábulo da capela maior.
D. Andrés Vázquez de Camba.
Dª Inés Vázquez de Camba, casada en Pontevedra co capitán de infantería D. Antonio de Castro e Ulloa, rexedor perpetuo da vila de Pontevedra, fillo do capitán Estevo Rodríguez de Castro, rexedor da vila de Pontevedra e familiar do Sto. Oficio da Inquisición no 1627 e Dª Clara Fructuoso de Ulloa, señores da Casa Guimeráns. Tiveron por fillos a D. Antonio Micael de Castro, capitán de infantería, familiar do Santo oficio e señor da Casa Guimeráns en Sto. Tomé de Piñeiro, quen casou con Dª Feliciana Pereira Ozores e Soutomaior, Dª Clara, D. Lorenzo, D. Luis e Dª Isabel de Castro e Camba, monxa do mosteiro de Sta. Clara (a carta de pago da dote foi feita ante Antonio Martínez de la Peña sno a 24 de agosto de 1669).
Dª Catalina Vázquez de Camba, casada en Pontevedra co avogado D. Pedro López de San Millán tendo por fillos alomenos a Dª Mariana e a D. Pedro de San Millán e Camba, crego e abade de S. Miguel de Marcón. Casou Dª Mariana con D. Pedro Sáenz tendo por fillo a D. Benito Sáenz San Millán.
D. Diego Vázquez de Camba que segue a liña.
D. Andrés fixo testamento ante o seu sobriño o escribán D. Bernardo de Bugarín e Saavedra o 7 de decembro de 1634. Nel manda “ser sepultado na parroquial igrexa de San Bartolomé onde son fregués, na sepultura dos meus pais”; manifesta ter intención de facer mellora nos seus bens “por canto sempre foi a miña vontade facer mellora nun dos meus fillos e ata agora non teño determinado cal deles (…)dou facultade a Inés González de Bugarín e ao meu fillo o licenciado Antonio Vázquez rector de Marcón poidan facer no tercio e quinto de todos os meus bens a calquer fillo ou filla(…) Item anexo a dito tercio e quinto o patroazgo do beneficio de Marcón e os demais que adquirín. Item por canto o racioneiro Pedro Vázquez de Aguilar o meu irmán deixou no seu testamento un legado desta media casa donde vivo e que eu puidese nomear a un dos meus fillos para dito legado dende agora nomo ao que fose nomeado na dita mellora pola miña muller e fillo”. Deixa douscentos ducados para a dote da súa neta Mariana, filla de Dª Catalina e lembra aos seus fillos varóns que cuiden da súa irmá Inés “que lles queda sen remedio e que a acomoden no estado que máis lles parecese que den algo das súas lexítimas pois eles son homes e obrigación de facelo”.
Por un protocolo ante o mesmo escribán D. Bernardo o día 13 de marzo de 1648 Dª Inés González nomea por sucesor no vínculo ao seu fillo o licenciado D. Diego Vázquez de Camba; “nombro por sucesor na dita mellora e bens dela ao licenciado D. Diego Vázquez de Camba o seu fillo e de dito o seu home coas clausulas e condicións que abaixo irán declaradas e o mesmo o mellora a dito seu fillo no tercio e quinto de todos os seus bens dereitos e accións que ao seu falecemento fincasen (…) ditas dúas melloras quere anden sempre xuntas e incorporadas os uns e os outros sen ningunha división en forma de vínculo…” Forman parte do vínculo “a casa en que ao presente vivo en dita vila e praza pública dela según é ben coñecida co seu alto e baixo de dous sobrados e máis a ela pertencente e a viña que ten e quedou do dito seu home sita arriba do río dos Gafos según está murada e pechada sobre si coa súa casa e lagar de pedra que é tamén ben coñecida e ten as súas armas e escudo na dianteira de dita casa e sae ao camiño[8]; e así mesmo as herdades que están ao redor de dita viña cerradas e divididas; con máis a horta e viña dos Palames?Palamios? que está xunto aos pilos de dito lugar por donde pasa o río que vai para os muíños de xunto á ponte nova e régase coaa presa de auga de dito río; con mais lle sinala o pan de renda que se lle paga en S. Xurxo de Sacos, Carballedo e Viascón así por foros como doutro xeito e así mesmo lle sinala para ditas melloras e que sempre anden nelas por vía de vínculo unha porcelana grande de plata sobre dourado toda que ten uns debuxos e figuras de bulto coa historia do rei Salomón por ser peza dun tan gran príncipe como foi Maximiliano de Austria; con máis un xerriño? de pedra lapis? cheo de algalia? guarnecido de ouro e unha esmeralda nas cadeas do remate pola estimación que ten de ter sido da señora emperatriz de España e facer súa mercede del a un deudo seu que llo deu e así quero se conserve sempre e que anden en cabeza de dita fundación e melloras sen poder vender, nin enaxenar (…) Avinculo e anexo a ditos bens a presentación do beneficio de S. Miguel de Marcón que é insolidum seu e do dito seu home (…)quere e é a súa vontade e do seu home se funde unha capela na dita igrexa de advocación de S. Xosé e nos primeiros tres anos despois de feita se lle compren ornamentos decentes (…).
A granxa que sitúa máis arriba do río dos Gafos, supoño que é a que máis adiante se nomea de Nosa Señora do Camiño, “sita en términos da xurisdicción de dita vila e na colación? de San Bartolomé e detrás da ermida de Nosa Señora do Camiño que linda entre as congostras e camiños antigos que ían para os muíños de ¿?”.[9]
Fixo testamento Dª Inés pouco antes da súa morte no ano 1657. Manda ser sepultada onde están o seu home e fillos, xa que sobreviviu a todos os seus fillos varóns (Antonio, Andrés, Pedro e Diego), na igrexa parroquial de S. Bartolomé.
D. DIEGO VÁZQUEZ DE CAMBA E BUGARÍN. Abogado, natural e veciño de Pontevedra, casou con Dª Isabel Bazán e Torres. Era Dª Isabel filla de D. Juan Bazán e Torres (Casa da Calzada-Cambados), auditor de guerra, e Dª Catalina de Torres Saco de Somoza e Quiroga, veciños de Pontevedra; neta por liña paterna de Dª Mª Pérez de Torres e Romero e Pedro Juan Bazán, e, por liña materna de Clemente de Torres Monterroso e Francisca González de Saavedra e Quiroga (Casa de Quintáns – Sta. Cruz de Castrelo).
Tiveron por fillos D. Diego e Dª Isabel a:
Dª Juana Vázquez de Camba e Bazán (n. 1650); casou co seu parente D. Alonso de Torres e foi veciña de Sta. Cruz de Castrelos (Casa de Quintáns). Fixo testamento ante o escribán Varela e Andrade no ano 1712 mellorando nel no vínculo ao seu fillo D. Alexo de Torres quen casará con Dª Mª Juana Mariño de Lobeira e Soutomaior filla de D. Juan Mariño de Lobeira e Dª Juana Bazán de Torres, señores da Casa da Pedreira en S. Clemente de Sisán. (Dª Juana Bazán de Torres era irmá da súa avoa Dª Isabel Bazán.)
Dª Inés Vázquez Bazán (n. 1651) casou con D. Antonio Abraldes e foron veciños de S. Martín de Meis.
D. Diego (n. 1653) que segue a liña.
Non chegou D. Diego a tomar posesión do vínculo, xa que como quedou dito, morreu antes que a súa nai.
Os seus fillos quedaron baixo a tutela da súa nai ata a maioría de idade de D. Diego que será o primeiro sucesor no vínculo.
D. DIEGO VÁZQUEZ BAZÁN E CAMBA casou con Dª Antonia Benita Barba de Figueroa filla de D. Pedro Barba de Figueroa e Dª Ana Mª de Andrade Ribadeneira, señores de Pompeán (Sta. María de Paradela – Meis). Dª Benita herdará o vínculo de Pompeán á morte sen herdeiros do seu irmán o capitán D. Andrés Barba de Figueroa.
Tiveron por fillos D. Diego e Dª Antonia Benita a:
D. José Manuel Vázquez de Bugarín que segue a liña.
Dª Theresa Vázquez casada co seu curmán segundo, D. Benito Sáenz San Millán. Tiveron por fillo, entre outros a D. Francisco X Sáenz Bazán, quen exercerá como administrador do vínculo da Casa de Pompeán. Testou Dª Theresa na súa casa de Pompeán ante o escribán Varela e Andrade. Nel declara querer ser sepultada na capela de Sta. Catalina, inclusa na parroquial de Sta. Mª de Paradela “que é propia de dita casa”
Casou D. Francisco Xavier con Dª María Jacinta Fariña del Valle tendo por filla a Dª Mª Carmen Saenz Bazán.
Dª Josepha Vázquez Bazán casada con D. Pedro Benito Oxea Sandoval e Rojas, fillo dos condes da Torre. Non tiveron descendencia.
D. JOSE M. VÁZQUEZ DE BUGARÍN BAZÁN E BARBA, señor do vínculo de Bugarín e a Casa Pompeán no ano 1710 segundo consta nun protocolo que pasaou ante García Chantrero sno. Marchou ao reino de Nova España e casou en Guatemala con Dª Ubalda Rosa Barbosa tendo por fillo entre outros a D. Luis Bernardo Bazán Vázquez Bugarín que segue a liña.
Por un poder dado por D. Luis Bernardo ante Manuel Varela Patiño sno a 12 de novembro de 1775 sabemos que segundo a súa declaración como fillo de D. Joseph Manuel Bazán e Barba “por lexítimos motivos que tivo ausentouse deste Reino de Galicia ao da Nova España no ano pasado de mil setecentos dezaoito e por esta ausencia e a fincabilidade e inmediata sucesión que xustificou D. Francisco X. Saenz Bazán ante a súa Excelentísima Señores do Real Tribunal deste Reino conferiuselle a administración de todos os maiorazgos pertencentes ao dito D. Joseph Manuel Bazán pai do otorgante como inmediato sucesor del por un dos meses do ano pasado de 1743, en cuio estado, goze e administración o estivo ata fará uns seis anos que o otorgante veu ao goce e administración de ditos vínculos e maiorazgos pertencentes ao expresado seu pai, en cuia posesión está gozando os seus froitos en compañía do dito D. Francisco Xabier, curmán e sogro do otorgante”
O pleito pola posesión e administración dos bens de vínculo e maiorazgo que fundaron Andrés Vázquez de Bugarín, Inés González, D. Pedro Vázquez de Camba e D. Pedro Barba Figueroa, consérvase no arquivo do Reino de Galicia
D. LUIS BERNARDO BAZÁN VÁZQUEZ BUGARÍN. Como se deduce do protocolo anterior, naceu e viviu moitos anos D. Luis en Nova España. Posiblemente, á morte do seu pai veu para Galicia a reclamar a herdanza do seu pai ao redor de 1768. Casou con Dª Mª Carmen Sáenz Bazán Barba de Figueroa Fariña del Valle Vázquez Bugarín e González, a filla do seu curmán D. Francisco Xabier, tendo por fillos a:
Dª Concepción Vázquez Bazán, casada con D. Antonio Mariño de Lobeira, fillo de D. Felipe Mariño de Lobeira Torre e Dª Mª del Carmen Romai e Torrado de Navia, señores da Casa da Pedreira en S. Clemenzo de Sisán. Non tiveron descendencia.
D. Luis Vázquez Bazán, coengo.
D. José Vázquez Bazán, coengo, falecido no ano 1834.
D. Francisco Vázquez Bazán, coengo, falecido no mesmo ano que o seu irmán.
Dª Luisa Vázquez Bazán, que segue a liña.
Dª LUISA VÁZQUEZ BAZÁN casou con D. José Mosquera Moraña, señor dos vínculos de Señoráns de Arriba, Señoráns de Abaixo (Sta. Mª de Paradela) e Ásperas (Sta. Mª de Armenteira), uníndose así os vínculos de Señoráns, Ásperas, Pompeán e Vázquez Bazán.
[1] Dato sacado da obra do Padre Crespo.-BLASONES Y LINAJES DE GALICIA.
[2] “Pedro Vazquez bisaguelo de dicho Juan Vazquez de Camba y aguelo que fue de dicho Pedro Vazquez Lopez por parte de la dicha Taressa Vazquez su aguela…” expediente de información e licencia de pasaxeiro a Indias de Juan Vázquez de Camba. (Archivo General de Indias).
[3] Segundo consta no expediente de información e licencia de pasaxeiro a Indias do seu fillo Juan Vázquez de Camba. (Archivo General de Indias).
[4] Este último dato está sacado da obra do Padre Crespo.-BLASONES Y LINAJES DE GALICIA.
[5] 11/4 - COLECCIÓN CASTO SAMPEDRO –ARBOLES DE VARIOS APELLIDOS ENTRONCADOS CON LOS ALDAO. M.P.
[6] BLASONES Y LINAJES DE GALICIA.-Padre Crespo
[7] . Juan Vázquez de Camba, natural de Pontevedra, soltero, hijo de Pedro Vázquez López y de Toribia de Bugarin, a Santo Domingo como criado del licenciado Juan Martínez Tenorio, oidor de la Audencia de Sto Domingo. 1605. ARCHIVO GENERAL DE INDIAS
[8] Casa sen localizar, posiblemente desaparecida.
[9] Arquivo do Reino de Galicia.-O convento de San Domingos de Pontevedra contra o licenciado D. Diego Vázquez Bazán, sobre reivindicación pola Granxa de Nosa Señora do Camiño.