ACCEDER

PARA ACCEDER A DATOS GENEALÓGICOS Y DEMÁS INFORMACION, ES NECESARIO REGISTRARSE

CASA DO PORTO (S. Cristovo de Briallos) - POR PURIFICACIÓN RODRIGUEZ GONZÁLEZ

 

Da construcción orixinal da Casa do Porto non queda hoxe nada. Estaba dita obra no medio da chamada Granxa do Porto[1] e incluía amáis da casa principal, casa de caseiros, cabaleirizas, cortes, capela, pombal e hórreo. Foi desfeita e trasladada onde hoxe se atopa, na beira da estrada, non quedando restos da capela nin das demáis construccións.

Conserva unicamente unha labra heráldica colocada sobre o portalón de entrada á finca. Trátase dunha pedra labrada nunha cartela de forma ovalada partida en tres e embrazada pola mítica serea dos Mariño. No primeiro cuartel unha cruz florenzada, no cantón diestro tres faixas ondeadas sumadas de tres flores de lis, e, no cantón sinistro tres torres. As tres ondas coas tres flores de lis aparecen no pazo de Souto de Poio (Portas) asociadas aos Mariño de Goianes. Descoñécese o emprazamento orixinal desta labra, D. Andrés do Porto no seu testamento fai referencia ao escudo que mandou colocar el cando reedificou a casa no ano 1.651 coas armas e a venera do Santo Oficio, escudo que non se corresponde co descrito, e, do que se descoñece o seu paradeiro.

 

 

Aparicio do Porto é o primeiro do que temos constancia na Casa do Porto. Foron fillos de Aparicio do Porto:

  1. Alonso do Porto
  2. Bastián do Porto
  3. Marcos do Porto que tivo entre outros fillos a Gonzalo do Porto.
  4. Gregorio do Porto

 

Alonso do Porto Mariño Sabemos que a 17 de xaneiro de 1559 ante o escribán Ares Boceta, Gregorio López e Catalina Lopez a súa muller veciños da feligresía de San Cristóbal de Briallos outorgan as capitulacións para o casamento da súa filla María Lopez irmá de Antonio López de Goldar (a aldea de Goldar era a que hoxe é S. Roque na mesma parroquia de Briallos) con Alonso do Porto consistindo a dote en 60 ducados máis algunhas roupas e enseres.

Ante o escribán Juan Mazorra, en 19 de outubro de 1580, Gonzalo do Porto, fillo de Marcos do Porto veciño de Briallos outorga un poder en favor do seu tío Alonso do Porto para demandar, percibir e cobrar todo o que lle puidese pertencer por heredanza do dito Marcos Porto, seu pai, tanto na freguesía de S. Cristobal de Briallos como noutras partes. Nesa mesma data Gonzalo do Porto vende esa herdanza ao seu tío Alonso.

Teñen por fillos Alonso do Porto e María Lopez (chamada María do Porto tralo casamento) a:

  1. Don Sebastian do Porto Mariño, clérigo, rector da freguesía de San Salvador de Saiar.
  2. Cristobal do Porto Mariño, que segue a liña.

Coñecese o testamento de Alonso do Porto, outorgado o 14 de novembro de 1603. Nel manda entre outras cousas ser sepultado na capela do coro da igrexa de San Cristobal de Briallos. Manda ao seu fillo Cristobal o seu muiño de Baroça amáis da súa lexítima. Deixa como herdeiros aos seus fillos Sebastian e Cristobal. Fai no testamento unha relación das súas propiedades e especifica “o lugar do Porto no que eu e os meus sobriños e irmáns vivimos que é noso propio diezmo a Deus co seu contorno sen ter sucesión de luctuosa nin tributo algún e en tal posesión eu e os meus antecesores o levaron de inmemorial tempo”.

  1. Sebastián de Porto Mariño, rector da feligresía de San Salvador de Saiar deixa no seu testamento datado en 27 de outubro de 1634 como herdeiro ao seu sobriño D. Andrés do Porto Mariño que nesa data é rector de Sta. María de Rubiáns.

 

Cristobal do Porto Mariño

En 7 de maio de 1598 no lugar de Castiñeiras, freguesía de Sta Comba de Louro fan escritura de doazón en forma de dote María de Castiñeyras viuda de Lope de Outeiro e o seu irmán Pedro de Castiñeyras por si e en nome do seu irmá Juan veciño de Pontevedra a favor de Dominga do Outeyro filla dos ditos Lope de Outeyro e Maria de Castiñeyras para casar con Cristobal do Porto. Incluía a dote 300 ducados máis 100 máis en roupas e alfaias sen prexuicio do que lle puidese corresponder polo seu pai.

Na mesma data Sebastian do Porto rector de Carril doa ao seu irmán Cristobal todo o que Alonso do Porto seu pai lle fixera patrimonio. Entre os anos 1.599 e 1.613 D. Cristobal reuniu nas súas mans por compras, cambios ou doacións dos seus tíos e curmáns as propiedades que foran do seu avó Aparicio do Porto que incluían amáis das de Briallos no lugar do Porto, posesións en Valiñas, Romai e Paradela.

Por testamento dado a 16 de decembro de 1.628, Antonio López de Goldar confirma e ratifica a venda en favor do seu sobriño Cristobal do Porto “as casas, torre e salidos en que vivía amáis doutros bens”Instiúe por herdeiro ao seu sobriño Andrés fillo de Cristobal. Posiblemente as casas ás que se refire sexan o que logo será coñecido como Granxa de S. Roque.

O matrimonio formado por Cristobal do Porto e Dominga de Outeyro ten por fillos a:

  1. Andrés Porto Mariño, Comisario do Santo Oficio da Inquisición. Foi D. Andrés o que edificou a casa do lugar de Porto. Consérvase o axuste que a 1 de decembro do ano 1.649 fixo con Amaro Touriño, mestre canteiro veciño da vila de Vilagarcía para “a construcción dunha casa nova (...) de 40 codos en oco de largo e 14 de ancho e de alto tres ?, patín & e outra casa de cociña para a que doa a casa, lagar en que habitaba”. Describe as dependencias que ten que ter e destaca que nunha delas farase “unha cheminea francesa coa súa cornixa”.
  2. Cristobal do Porto Mariño que segue a liña.
  3. María de Porto Mariño casada con Pedro de Erosa na mesma freguesía de Briallos, que tiveron por fillos entre outros a Francisca López de Erosa quen casou con Alonso Dabal Magariños.
  4. Cathalina do Porto casada con Gregorio Castaño en Santa Comba de Louro.

 

 

  1. Cristobal do Porto Mariño foi mellorado polo seu pai co tercio e remanente do quinto dos seus bens segundo consta nas partixas feitas polos irmáns ante Luis Mosquera o 28 de xullo de 1653.

En 14 de decembro de 1639, o Comisario don Andrés do Porto Mariño fai doazón de certos bens en favor do seu irmán D. Cristobal do Porto Mariño para casar con Vicenta Suarez de Puga, filla de Francisco de Lemos (alcaide maior da vila de Vilagarcía e a súa xurisdicción, e receptor dos reais alfolíes de dita vila) e Isabel Suarez de Puga. Tiveron cinco fillos:

  1. Alonso do Porto Mariño, rector de Sta. Baia de Nantes e da vila de Vilagarcía.
  2. Cristobal de Porto que segue a liña.
  3. Dona María Antonia de Porto Lemos e Puga, dotada polo seu tío D. Andrés ante Bartolomé de Novoa Figueroa en 2/11/1653, casou con D. Miguel Saco de Quiroga, Somoza e Andrade, fillo de D. Benito e Dona Juana de Andrade Saavedra e Sarmiento. A dote incluía amáis de 2500 ducados a viña e granxa que se di de San Roque sita na feligresía de Briallos, “...casa, lagar, montes...”. Serán veciños da vila de Pontevedra. Á súa morte, sen sucesión, deixa no seu testamento feito en 1704 ante Juan de Monasterio, tódolos seus bens para agregar á fundación feita polo seu tío D. Andrés. Increméntase así o maiorazgo da Casa do Porto coas terras que o mosteiro de Lérez tiña aforadas a D. Benito Saco de Quiroga que incluían “Pedra Picada”, Val de Deus e Secoy.
  4. Dona Lucía relixiosa recolecta no Convento de Vista Alegre en Vilagarcía.
  5. Dona Francisca, relixiosa recolecta no Convento de Vista Alegre en Vilagarcía.

 

Don Cristobal de Porto Mariño dispuxo no seu testamento datado en 7 de novembro de 1658 que se o seu irmán o Comisario Andrés de Porto Mariño fundase vínculo dos seus bens se agregase a el o tercio dos seus, o que se cumplirá 21 anos máis tarde cando o licenciado D. Andrés de Porto Mariño, comisario do Santo Oficio da Inquisición, no seu testamento datado en 25 de abril de 1679 funda vínculo de tódolos seus bens e chama como primeiro sucesor ao seu sobriño D. Cristobal de Porto Mariño. Agregou ao vínculo o tercio e quinto dos bens de Cristobal do Porto, seu irmán. Polo memorial de bens do vínculo sabemos que “as casa altas e baxas con sus caballerizas que fixo e fabricou dito Comisario no lugar do Porto...1650-1651, e na casa principal e sobre a porta que entra á granxa puxo o escudo de armas coa venera de dito Santo Oficio da Inquisición”.

No ano 1661, Dona Lucía e dona Francisca do Porto outorgaran os ben que lle pertencían polos seus pais en favor do seu tío o licenciado D. Andrés, bens que se engadirán ó vínvulo.

 

  1. Cristobal do Porto Puga e Mariño, primeiro sucesor no vínculo fundado polo seu tío na Casa e Granxa do Porto, casa con Dona Josepha de Luna Lobera Valladares Piñeiro. As capitulacións matrimoniais outórganse o 25 de xullo de 1677. O Capitán D. Antonio Varela de Neira e Piñeiro, dono e señor do Coto de Couso e Casa de Drozo feligresía de S. Xoán de Anceis (Cambre) e a súa muller dona Bernardina de Luna Lobera e Valladares doan á súa filla en concepto de dote 3.500 ducados en terras nas freguesías de Sta. María de Cortiñas e Sto. Estevo de Piadela. Era Dª Josepha neta por liña materna de D. Antonio de Luna e Lobera e Dª María Vallo de Parga da Casa do Aplazadoiro en S. Simón de Nande (Laxe). Por liña paterna era neta de Dª María Piñeiro e Vallo e D. Antonio Varela de Neira e Piñeiro, señores da Casa do Drozo.

Foi D. Cristobal abogado da Real Audiencia e residiu en Vilagarcía onde exercía como tal.

O vínculo e maiorazgo da Casa do Porto verase incrementado coa doazón que fai no testamento o seu tío D. Alonso de Porto Mariño e Puga, rector da vila de Vilagarcía no ano 1704.

Tivo o matrimonio formado por D. Cristobal e dona Josepha tres fillos:

  1. D. Pablo Antonio de Porto Mariño e Luna herdeiro do vínculo.
  2. Dona María Ignacia de Luna casada con D. Domingo Noo de Silba.
  3. Dona Josepha do Porto y Luna casada con D. Gerónimo Bernardo de Reino Lanzos e Villardefrancos, veciño de S. Vicente de Cespon, fillo de D. Gregorio de Reino Romero Villardefrancos e Dª Antonia Vermúdez Lanzós. A escritura de dote foi feita o 30 de marzo de 1.699; contribúen á súa dote a súa tía Dª Mª Antonia veciña de Pontevedra ,-viúva nesa data-, o seu tío D. Alonso e o seu irmán D. Pablo Antonio. Consta na escritua que os seus pais xa eran defuntos.

O matrimonio non terá sucesión.

 

          

 

  1. Pablo Antonio de Porto Mariño, sucesor do maiorazgo, casou con dona Theresa de Moure Mariño Núñez, veciña da vila de Vilagarcía, no ano 1.701. Por un protocolo datado a 22 de abril de 1.704 no que D. Pablo reclama sabemos que se están a realizar obras na igrexa parroquial de San Cristobal que afectan á sepultura familiar; pretenden fabricar unha nova sacristía ao lado do vendabal e acceder a ela a través dunha porta que afectaría á sepultura “ ...sepultura dentro do coro da igrexa a carón da epístola e unha das dúas de en medio de catro que hai en dito coro, soterrándose nela só os desta familia e fixéronno os antecesores do meu pai como donos de dita casa poñendo enriba de dita sepultura ...? o ano que acaecían os enterros (...) Remata o preito facéndose a porta xunto ao altar maior, co que queda libre a sepultura. Morreu D. Pablo un ano máis tarde, no 1705, quedando do matrimonio catro fillos:

 

  1. D. Blas Andrés de Porto Mariño que segue a liña.
  2. Dona Gerónima de Porto Mariño e Luna casada con D. Andrés Arellano e Saenz San Millán, serán pais de D. Vicente e Dª Juana Arellano[2].
  3. Dona Theresa de Porto Mariño casada con D. José Antonio Ramírez Núñez de Castro no lugar do Castro na mesma feligresía de Briallos. D. José Antonio consta como fidalgo no catastro da Ensenada. No 1746 fan doazón de bens a favor de seu irmán D. Blas de Porto.
  4. Dona María Josepha de Porto Luna e Moure Mariño, que tamén segue a liña.

 

 

  1. Blas Andrés de Porto Mariño e Luna foi rector de S. Salvador de Meis e sucesor do seu pai no vínculo. Seguindo a intención da súa nai dona Theresa fixo fundación da Capela de San Xosé e Santo André no lugar do Porto sinalando por hipoteca especial para a súa conservación “a súa casa e lugar de Porto” en data 30 de decembro de 1.722. A capela foi bendicida o 22 de marzo de 1.723 por D. Juan de Monteagudo vicerrector de S. Cristobal de Briallos.

 

Dona María Josepha de Porto Luna e Moure Mariño (? – 26/08/1.770)casada con D. Tomás Troncoso Navia e Sotomaior, fillo de D. Martín Troncoso de Lira e Padín (dono da Casa e maiorazgo do Pazo do Monte en San Fiz Lois – Ribadumia, que incluía tamén a Casa dos Pazos en Santo André de Barrantes) e dona Melchora de Navia Sotomayor e Fernández..

  1. Tomás sucederá ao seu pai na Casa Pazo do Monte e no ano 1746 dona Josepha é sucesora do vínculo fundado polo Comisario don Andrés de Porto por morte de D. Blas Andrés de Porto o seu irmán, xuntándose así na mesma persoa o Pazo do Monte e a Casa do Porto. Teñen entre outros fillos dona Josepha e don Tomás a:
  1. Don Pablo Antonio Troncoso e Sotomayor, que segue a liña.
  2. D. Narciso Troncoso de Lira, ausente do reino cando no ano 1773 se fan as partixas da herdanza de seus pais.
  3. D. Melchor Andrés.
  4. D. Roque Jacinto Troncoso Porto Mariño, herdeiro dos seus irmáns D. Pablo e D. Narciso, deixará os seus bens ao seu sobriño D. Blas Ramón.
  5. Dona Rosalía Troncoso casada con don Melchor Fariña Seijas Solís e Soutomaior Noguerol da Casa da Pedreira en S. Adrián de Vilariño, casa que será a súa morada. No ano 1.770, cando se fan as partixas á morte de Dª Mª Josepha, Dª Rosalía xa é defunta, sendo D. Melchor curador dos fillos que quedaron de ambos.

A Casa do Porto está nesta época moi abandoada, proba delo é a demanda interposta por Dª Mª Josepha contra os levadores da mesma por desperfectos tanto na casa do Porto como nas demáis pertencentes ao vínculo. Ao ser sucesor D. Tomás na Casa do pazo do Monte a casa do Porto non será enderezo habitual dos seus propietarios e será arrendada, comezando así a súa ruina.

 

 

Don Pablo Antonio Troncoso e Sotomayor, sucesor e dono da Casa e maiorazgo do Pazo do Monte e a Casa do Porto, casou con dona María Josepha Garza e Quiroga, filla de D. Mariano Garza e Quiroga e de Rosalía Oya Miranda e Ceta. Residirá en Pontevedra, vila da que consta como Alcalde no ano 1771. Son fillos deste matrimonio:

  1. Antonio María de Lira, herdeiro do maiorazgo. Nun protocolo notarial dato en novembro de 1.801 consta como dono das xurisdiccións de Pazo do Monte, Torre de Caldas e outras, rexidor perpetuo e veciño da cidade de Santiago.
  2. Blas Ramón Troncoso, rector de S. Xoán de Leiro, sucesor nos vínculos á morte do seu irmán.
  3. Pablo Troncoso de Quiroga e Garza, sucesor nos vínculos á morte de D. Blas. Faleceu sen descendencia, pasando os maiorazgos ao seu irmán D. Francisco X.
  4. Francisco Xavier Troncoso e Garza que segue a liña.
  5. Juan Troncoso e Montenegro que casou con Dª Juana de Quesada.

 

  1. Francisco Xavier Troncoso de Lira e Garza (1.777-1847), dono e señor do Pazo do Monte e sucesor no vínculo da Casa do Porto. Casou con dona María del Carmen de Maza e Quiroga, filla de D. José María de la Maza e de Dª Josefa de Quiroga Hermida. Residirá o matrimonio no Pazo do Monte. Sen descendencia lexitima, D. Francisco dispuxo no seu testamento dado en 14 de novembro de 1.840 que a metade dos seus bens pasará a mans da su muller Dª María e a outra metade ao seu parente máis preto. Así, o Pazo do Monte pasa a D. Ambrosio Fariña Troncoso e a Casa do Porto e a Casa dos Pazos de Barrantes á Dª María.

 

Dona María del Carmen de Maza e Quiroga, casou en segundas nupcias con D. Gerónimo Malvar e Taboada o 30 de setembro de 1.851. Era D. Gerónimo fillo de D. Julián Malvar e Pinto e Dª Mª Josefa Taboada e Tejeda, a quen sucedeu no vínculo que os Malvar fundaran en 1.790 e ao que pertencía o pazo sito en A Carballeira en San Martiño de Salcedo. D. Gerónimo Malvar aparece nos contratos de arrendamento da Casa do Porto no ano 1.852 como veciño de Santiago e“dono desta Casa e bens pertencentes a ela”. O 5 de novembro de 1.852 arrenda “a Casa e Granxa do Porto contigua á mesma casa por término de 6 anos e en renda de 156 ferrados de millo postos na Casa de Pazos en Barrantes”.

A importancia da extensión das terras pertencentes á Casa do Porto en Briallos refréxase na cuantiosa renda que declara D. Gerónimo ó Concello de Portas no ano 1853 para o reparto de contribucións: 335 ferrados de millo máis a Tomada do Porto cuns 90 ferrados de carballos e toxeira, parte dela sita nos términos de Barro e parte na parroquia de Briallos.

Tiveron por fillas Dª María del Carmen e D. Gerónimo a:

  1. Dª Josefa Malvar da Maza e Quiroga       quen casará con D. Manuel Becerra Armesto da Casa de Salcedo.
  2. Dª Julia Malvar da Maza e Quiroga.

 

Ámbalas dúas serán herdeiras dos seus pais na Casa do Porto, tal e como refrexa “o auto sobre apeo e prorrateo do foral nombrado do Porto” (23/4/1.894).

 

Polos documentos revisados no Arquivo procedentes da Casa do Porto pódese apreciar que as propiedades que formaban o vínculo e maiorazgo eran bastantes, estando espalladas por distintas feligresías: S. Cristovo de Briallos, Sta. Mariña de Arcos da Condesa, Santo André de Valiñas, S. Breixo de Barro, Sta. María de Portas, S. Pedro de Lantaño, S. Xoán de Meaño, S. Miguel de Lores, Sta. Baia de Nantes, na vila de Pontevedra e nas parroquias de S. Salvador de Lérez e Sta. María de Mourente.

É moi interesante o Memorial de bens e rendas da Casa do Porto feito no ano de 1.770, no que se especifican tódalas propiedades. Entre elas:

  • A casa principal chamada do Porto, sita no lugar do mesmo nome feligresía de San Cristovo de Briallos que se compón das súas salas, cuartos, bodegas e máis oficinas correspondentes, cabaleirizas, curral pechado coa súa capela, unha granxa, bens labrados, herbales, horta de frutais todo elo con augas regadíos circundado e murado de pedra todo ó redor.
  • A Granxa de S. Roque coas súas dúas casas terreñas e bodega, dúas cabaleirizas e curral pechado, no seu salido carballos e castiñeiros ó nacente, coa súa capela, viña e un pedazo de horta. Está pechada sobre sí con muralla alta de pedra e leva en sembradura 44 ferrados de pan pouco máis ou menos; e, pr parte do vendabal carballos e un pedazo de souto ó longo da súa muralla”.
  • A Tomada que se di do Porto, sembradura 120 ferrados de pan. Cúidase por caseiros.
  • O lugar de S. Amaro de Moldes sito na feligresía de Mourente, xurisdicción de Pontevedra que se compón de casas, currales, viñas, hórreos, labradío e prado da Laxe. Pagan de foro os veciños 34 ferrados de millo e centeo de por metade, catro de trigo, dúas galiñas e un carro de palla triga.
  • Lugar de Pedra Picada en S. Salvador de Lérez. Componse de casa alta, cabaleirizas, lagar, viñedos, labradío, árbores froiteiras, salgueiral coa súa fonte de pedra traballada de cantería. Paga ó mosteiro de Lérez de cuio dominio é a á Casa do Porto como polo útil 32 ducados.
  • Vila de Pontevedra: dúas casa altas de sobrado pegadas unha á outra co seu xardín na rúa da Zapatería e están fronte ó atrio de S. Bartolomé rúa en medio.
  • Muíño na Barosa.

                  

 

 

 

Esta xenealoxía está entresacada dos documentos pertencentes á Casa do Porto existentes no Arquivo da Deputación de Pontevedra, e, complementada con protocolos notarias recollidos no Arquivo Histórico de Pontevedra.

 

 

[1] Dato recollido de testemuños orais.

[2] Francisco X. Varela Patiño 3/setembro/1764. DªGeronima reclama como titora dos seus fillos menores unha casa en Pontevedra que se lle adxudicou no reparto da herdanza de Dª Mª San Millan e Camba.