A TORRE DE LANTAÑO - POR PURIFICACIÓN RODRIGUEZ GONZÁLEZ
A TORRE DE LANTAÑO...¿ OU LANTAÑÓN? - Por Purificaión Rodriguez González
Sempre me tentou a idea de localizar a situación da antiga torre dos Soutomaior derrubada polos Irmandiños e volta a refacer anos máis tarde, para acabar pasando ás mans do Arcebispado de Santiago de Compostela no S. XVI.
A fortaleza de Lantaño derrocada polos Irmandiños, foi reconstruída por Suero Gómez de Soutomaior utilizando os servicios forzados dos seus vasalos, tal e como se recolle das declaracións dos testigos no Pleito Tábora Fonseca.
Na parroquia de San Pedro de Lantaño non atopei vestixios nin materiais nin en protocolos que me levaran a localización da Torre. En vista disto proseguín o meu estudio nas parroquias limítrofes o que me levou a pararme na aldea de Lantañón pertencente á parroquia de Sta. María de Paradela e limítrofe a Lantaño.
O motivo deste traballo é tentar clarexar o que para o meu entender é un erro de transcrición dun topónimo. A confusión entre Lantano e Lantanoo, o segundo diminutivo do primeiro e que logo evolucionarán a Lantaño e Lantañón respectivamente. Lantañón é unha aldea de Sta. María de Paradela limítrofe á parroquia de S. Pedro de Lantaño.
Os protocolos que están o meu alcance da época medieval e moderna, que non son copias contemporáneas, son os que se atopan no Arquivo Histórico de Pontevedra e no Museo de Pontevedra.
Os máis antigos, os do Museo de Pontevedra, remóntanse ó ano 1.417.
Á colección Casto Sampedro pertence unha copia de foros e vendas do Mosteiro de San Xoán de Poio. Transcribo a parte que se refire ó topónimo Lantaño:
27/outubro/1.417: “...abade do mosteiro de S. Xoán de Poio por mi e en nome da abadía (...)aforo (...) a vós Juan de Outeiro morador en feligresía de San Pedro de Lantano...”
“...aforo a vós (...) morador en Fontenla da feligresía de S. Pedro de Lantano a heredad das Quintas...”
1.418
“Fuero para siempre de una heredad que se llama la Chousa junto cõ el palaçio de Foteela e Lãtanõ. (...) aforamos para sempre a vos Lope/Lopo? Rodrígues (...) de San Pedro de Lãtano (...) que se chama da Chousa (...) do paazo de Fonte˜ela ...”
“fuero de unha heredad do paaço da Fonteela en Lantano para siempre a Joao da Fonte”
Con respecto ó topónimo Lantañón, Lantanoo, o documento máis antigo pertence tamén ó fondo do museo de Pontevedra. Trátase dunha copia do tumbo da Ilustre Asociación da Santísima Trinidade.
1.438
Donación de dúas canadas de viño nunha viña que “está e he sita junto a la torre de Lantanoo, que e, ena dita terra de Salnés”
23/febreiro/1.454: Testamento de Paio Gómez de Soutomaior
“...estando ena hermida de San Gregorio que he junto da cassa de Lantanoo de terra de Salnes jaçendo enfermo ena dita hermida enfermo en huã cama Pay Gomez de Soutomayor señor de dita cassa de Lantanoo de aquela (...)
1.483: escritura de maoirazgo outorgada por Suero Gómez de Soutomaior en favor da súa filla dona María de Soutomaior.
“...a la qual dicha Dª María mi fija yo dono y do por vienes de Mayorazgo la mi casa fuerte y coto de Lantanoo con todas las cosas a la dicha casa y fortaleza, y señorio de ella pertenescientes de señorío y demando et el señorío que yo he y tengo y me pertenece en la Tierra de Salnés...”
1.485: testamento de Suero Gómez de Soutomaior.
“ ...Item mando á dita Elvira todo o axuar de casa que está en Lantanoo.”
1.532: nomeamento feito por Juan de Ulloa Sarmiento.
“Juan de Ulloa y Sarmiento vecino e rexidor de la villa de Toro, Alcalde Mayor que soy (...) Rianxo, e Lantanon e Insua de Bea (...)nombro por mi lugarteniente (...) esta de Lantanon a ...vecino de Lantanon”
1.532: Sentencia de Enrique Enríquez de Guzmán, veciño e rexedor da cidade de Zamora.
“... todas las otras cosas de D. Enrique Enríquez de Sotomayor (...) e antepasados cobraban y llevaban de las feligresías de las merindades de Lantanoo, Rianjo y Vea ...”
No Arquivo Histórico temos protocolos dende o ano 1.600.
Moi significativo é o que transcribo, xa que, nel atopamos os dous topónimos nomesmo documento.
1.601: “En la aldea de Lantanoo feligresía de Santa María de Paradela al primero dia el mes de marzo del año de mil y seiscientos uno ante mi escribano parecieron presentes Juan Boceta de Perrin labrador y Alonso García escribano de la de S. Pedro de Lantano e dixeron...”
Do escribán Alonso Mosquera datado no ano 1.602: “No lugar de San Gregorio de Lantanoo feligresía de Sta. María de Paradela...”
Por outra banda, nos textos nos que aparece situada xeograficamente a fortaleza de Lantanoo son claros á hora de situala na feligresía de Sta. María de Paradela e nunca en S. Pedro de Lantaño.
Así, Vasco de Aponte na “Relación de las casas antiguas del Reino de Galicia” cando menciona a casa de Lantaño escribe “Casa de Lantanoo. Lantanoo está no val de Paradela unha legua de Lobera; está en chan na aba dun monte, que tiña a torre foso e era moi forte, tiña ponte levadiza, o mariscal reedificouna máis fortemente despois; é hoxe do arcebispo de Santiago e fan alí dous días de cada semana audiencia os xuíces de Vilanova”.
O cardeal Jerónimo del Hoyo nas “Memorias del Arzobispado de Santiago” cando escribe sobre a feligresía de Sta. María de Paradela alude á fortaleza.
“En esta felegresía está la fortaleça de Lantaño que es de dignidad arçobispal” ( no orixinal o topónimo Lantaño non sei como está escrito). O señorío de Lantanoo fóralle quitado ós Soutomaior polo Arcebispo de Santiago, pasando a ser de dignidade arcebispal a comenzos do século XVI.
Alude tamén á ermita na que Paio Gómez fixo o seu testamento: “Hay dos hermitas en esta felegresía questán juntas, la una de San Gregorio, que tiene unas heredades que goza el retor, con cargo de decir en ella una misa...”
O terceiro texto que localiza xeograficamente a fortaleza de Lantaño é de Frei Martín Sarmiento na súa obra “Viaje a Galicia”:
“Paradela, media legua. Aqui está la Torre y Castillo de Lantaño, que hoy es del Arzobispo.”
Outra das consideracións que me levan a pensar na falsa transcripción do topónimo é que non atopei nin sequera un indicio que me levara a verificar que a feligresía de S. Pedro de Lantaño fose parte dos dominios dos Soutomaior. Nas cartas de feudo feitas a favor dos Soutomaior non atopei a dita feligresía, pero si moitas outras de Terra do Salnés, entre elas Sta. María de Paradela.
Nun documento conservado no Museo de Pontevedra correspondente ao Arquivo Sotomayor relaciónanse os lugares que compoñen a xurisdicción de Lantanoo. Na relación da merindade de Lantanoo non aparece a feligresía de S. Pedro de Lantaño, pero si Sta. María de Paradela.
Por último, aínda que de menor consideración, é que resulta estrano que si S. Pedro de Lantaño formase parte das terras do Señorío de Lantanoo Suero Gómez non deixara no seu testamento doación ningunha para a igrexa de Lantaño cando si o fai coa de Sta. María de Paradela e outras máis.
Por Purificación Rodriguez González
Pontevedra